FOTO DA ESCOLA DE CONS.

244

Era o curso 69-70 cando se fixo esta foto, poderiamos dicir que está feita no outono do ano 1969. Nela vemos un grupo de nenas de Mourente, rapazas de O Pazo, Carabelos, Eirós, Cons e Condesa. A foto está feita na escola de Cons. As rapazas máis pequenas tiñan seis anos e máis maiores terían doce ou trece anos. Aínda non había grupos escolares, só escolas unitarias nas parroquias, ás veces varias en cada parroquia como era o caso de Mourente.

A escola está no lugar de Cons, ao fondo do campo do mesmo nome. Ese campo que foi campo de fútbol, campo de xogos, lugar de encontro de pandillas, lugar para namorados… Nese campo faciamos a lumeira de San Xoán, e apañabamos os poenxos para as herbas. Mozos e mozas de moitas xeracións pasamos polo campo de Cons nalgún momento.

Esa foto está feita nos tempos en que ía frío, moito frío na escola e a única estufa que había estaba sempre a carón da mesa da profesora. Tempos nos que se ensinaba en base ao refrán «a letra con sangue entra». Tempos de trenzas e vestidos curtos.

Pero tamén eran os tempos nos que para ir á escola xuntabámonos todas as nenas para ir xuntas. As do Pazo iamos polo carreiriño e polo camiño da Xaneira. Que lonxe quedaba a escola! Despois da casa de Susa a de «Dolfina» o camiño parece que entraba na boca dun lobo; era escuro e parecía non acabar nunca e cando por fin chegabas ao campo ás veces a brétema non che deixaba nin ver a escola.

Tempos nos que xogabamos ao peletre cun anaco de tella ou co cu dunha cunca. Xogabamos á roda:

«Que ande a roda, que ande a roda, que a quero , que a quero ver bailar.

Que de a volta a roda, que de a volta a roda, que a quero, que a quero ver bailar».

Outro xogo era  «Nesta casiña hai lume?», e xogar ao pincho cunha lima vella sen mango. Todos eran xogos para compartir risas e momentos coas outras nenas, todos eran xogos interactivos que diríamos agora.

Cando chegaba o bo tempo saiamos ao campo máis próximo para facer labores de punto de cruz, e ás veces aparecía un lagarto arnal e era case unha festa oír os gritos da profesora e das rapazas.

Podo dicirvos quen está na foto, aínda que por desgraza algunhas xa non están con nos como Margarita, María José, Maribel ou Mari Carmen. Todas nos deixaron antes de tempo, e para elas vai o noso recordo.

Entre as maiores están Encarna, Maite, Casilda, Conchi, Meli, Maruchi, Loli, Maribel, Marga e Viqui, E por suposto a profesora Sara Couceiro que ese día estaba acompañada polos seus fillos unha moza que penso que se chama Sara e o único neno que aparece na fotografía, Pepito.

Entre as demais están Isabel, Margarita, Ana, Mari Carmen, Maruchi, Marisol, outra Marisol, Chus, Isa, Ana, Mariluz, Angeles, Mari Carmem , Ana, Beti, Marimar, Loli, Pila, Marité, Pili, e Teri.

Cada unha de nos contará unha historia diferente da Escola de Cons porque todas eramos diferentes. Algunhas caladas e outras non paraban de falar, outras eran un pouco rabudas, outras querían gobernar a vida das demais por seren elas maiores, e outras deixábanse gobernar.

María Lores.

Compartir