Volvendo do traballo.

169

Vouvos falar dunha foto que atopei por casualidade na casa do meu tío Paco. Non estou segura da data pero debe ser a mediados dos anos cincuenta como moito. A foto está feita no lugar do Pazo en Mourente na casa de Isolina a Cendona. Na foto podemos ver, de esquerda a dereita,  a Benito Tomé, Carlos Freijeiro, o fillo de Alejo, que está coa machada na man. A continuación está Paco Torres, coa bandurria na man atopamos a Manolo o de Román e ao seu lado con boina na cabeza Pepe Sanmartín. Detrás con chapeu o seu irmán Manolo que logo marcharía para Uruguay. O último que está sentado non sei moi ben quen pode ser, pero esperemos que ao ver a foto alguén nos poida dar recado da súa identidade.

Do que si estou segura é que a foto está feita na miña casa porque debruzadas sobre o muro podemos ver a Carme e a Maruja as de Sanmartín. Era o xeito que tiñan de comunicarse con nos. Eu tamén vivín esas conversas no muro, e ese trasego de mazás de papoia ou pexegos cando era o tempo.

Na foto transmíteme a felicidade das pequenas cousas; a felicidade efímera dos pequenos momentos que quedaban inmortalizados na cámara de Benito Vazquez. Moitos poderedes pensar que antes eran máis felices. Eu non creo iso, antes eran felices con pouca cousa porque non había máis. Eran felices co que tiñan, porque non tiñan posibilidades de ter máis.

Agora quero falarvos dese muro «medianero» que quere dicir que estaba feito entre as dúas familias. Ese muro separaba os dous eirados, pero como se ve na foto separaba pouco porque non era moi alto. Faciamos moita vida na eira e sempre sabiamos uns dos outros; que levaba o peixeiro, se as patacas xa estaban para sachar ou se había toxo no monte. Ese trasego de leria, e tamén de acompañamento tivémolo ata hai moi poucos anos. As que vivimos agora xa non facemos vida na eira porque non hai millo que debullar, nin toxo que pañar, e aínda que ven a peixeira imos ao super a facer a compra. Estamos dentro da casa, o muro é máis alto e xa resulta máis difícil debruzarse nel.

Con isto non quero dicir que estes tempos sexan peores, so son diferentes, é temos que adaptarnos.

Carme Lores (Mourente).

Compartir