Maio Mourente 1986.

127

A Festa dos Maios ten unha grande tradición en Pontevedra. Xa hai escritos de finais do século XVIII nos que se fala das rivalidades que había arredor dos maios. O día primeiro de maio a Praza da Ferrería de Pontevedra vístese co seu mellor traxe para acoller os maios que chegan de todo o concello.

Esta foto está feita diante da Cultural de Mourente o día primeiro de maio de 1986; era o primeiro maio que faciamos na Cultural. Non saíra moi feitiño pero valeunos de escusa para gañar o primeiro premio de coplas. Xusto despois de facer esa foto os rapaces situábanse a uns dez metros do maio e ao contar un, dous, tres corrían para desfacer o maio coas mans e tirar uns aos outros o fiuncho, os pampullos, os cartuchos…. todo agás as laranxas. Era o remate da festa e do traballo intensivo de varios días. Non, non daba pena desfacelo. Se non se desfacía non podía haber maio o ano seguinte, e ao rematar un xa pensabamos no do ano seguinte.

Na foto hai rapaces sobre todo de O Pazo e Eirós, aínda que tamén están de Mourente e A Raxeira. O maio era unha pequena revolución para aqueles rapaces que no mes de abril so querían cear tortilla para xuntar moitos ovos para o maio. Todos os días viñan co mesmo recado:

– Mari, xa teño oito ovos. Xa avisei a miña avoa para que non corte os pampullos da leira. Xa atopei fiuncho no igresario. Xa sei a quen lle podemos coller as laranxas do po.

Nas seguintes fotos podemos ver máis imaxes dos maios feitos polos rapaces de Mourente e tamén as letras das cantigas dos anos 1993 e 1994.

Carme Lores (Mourente)

Compartir