Grandes mestres da terra e da pedra

185

Aínda quedan canteiros nos rurais, sobre todo en Tomeza, que se preocupan por conservar e contruír as «paneiras» (hórreos). Aínda que xa non se lle da o uso que se facía hai uns anos, pois agora moi pouca xente se adica a sementar millo, por culpa, entre outras cousas,  do xabarín.

As «paneiras» son unha construción moi peculiar,  doume conta agora da importancia que esperta en moita xente que non é nativa de Galicia. Isto non me ocurriu a min,  pois  foi unha cousa que vin e usei dende pequena para axudar a meus pais a gardar as colleitas de millo e patacas.

Por certo, estou falando de Tomeza, pero non dixen onde se atopa. Esta parroquia, que pertence o concello de Pontevedra, posiblemente sexa unha das máis pequenas, xa que agora mesmo soamente ten uns mil habitantes.  Linda coas parroquias de Salcedo; Marcón; A Canicouba, nunha punta do monte Loureda; e Bertola, que pertence ó concello de Vilaboa.

Tomeza, comarca histórica de Terra de Montes, foi tradicionalmente terra de canteiros e, inda a día de hoxe, destaca a presenza de bos canteiros. É evidente pola grande cantidade de “paneiras”  que hai na zona perfectamente construídas e restauradas.

Aquí quedan aínda algúns canteiros que gardan coñecementos suficientes como para falar a lingua segreda do gremio, chamada  “LATÍN DOS CANTEIROS” ou “VERBO XIDO”. Esta era unha linguaxe empregada pola maioría dos canteiros pero, moi especialmente, polos da parroquia de Tomeza.

O “verbo xido” naceu na Idade Media, no momento que xurdiron os gremios, e servía para transmitir os coñecementos da profesión; e como distinción e exclusividade dos grandes mestres da pedra. É un dialecto inventado con gramática galega, e foise fraguando a través de mescolanzas e conxuncións alleos a outros idiomas.

Realizado por Mari Carmen de Tomeza

Compartir