A vida en Marcón na Postguerra

75

Aquí vou escribir unhas historias que me contaban na casa cando era pequeno. Vouvos falar de dous muíños en concreto, porque eran os que eu máis ía a moer:

muíño da Pontiña é un muíño que se atopa en Marcón pero que os seus herdeiros son da parroquia de Tomeza, e agora, non é a sombra do que era.

 

Chámase así porque tiña dúas ou tres pontes pequenas. Este muíño está moi diferente a como era antes. Para chegar ata el saías da carretera e cruzabala, viñas dar á unha ponte, había un saltiño e outra pequena ponte que cruzabas e ías a dar a un descampiño. Xusto despois chegabas ó muíño.

Muíño da Pontiña por detrás (na actualidade)

O outro é o muíño de Rabelo, que se atopa en Tomeza, pero que os seus herdeiros eran da nosa parroquia, de Marcón. Este muíño, no tempo da Guerra Civil en España, era roubado con frecuencia porque moía moi ben e daba moito óleo. O óleo era unha fariña como a maicena que se usaba para os biberóns dos nenos, era tempos difíciles. En aqueles tempos era o que había, non había cartos. Incluso se chegou a facer fariña de garavanzos!

 

Como dicía, había roubos nos muíños, así que había que facer garda porque senón quedabas sen nada. As persoas propietarias botaba toda a noite en vela para que non lle roubaran a fariña. A xente que non tiña nada roubaba a quen fora. A veces, incluso, había que facer garda polo día.

De feito, a xente roubaba moitísimo no muíño do Rabelo porque era moi fácil de roubar, xa que estaba moi arrimado ó monte e así escapaban polo monte e uns ían por un lado e outros por outro lado e ti… para onde tirabas?

Normalmente, de noite ían sempre dúas persoas, ía un home e unha muller, ou dous homes, dúas mulleres… De día non, de día soamente ía unha soa persoa, que soía ir unha muller ou un vello, xa que o home tiña que traballar na  canteira. Os homes eran canteiros todos. Os canteiros daqueles tempos eran auténticos maestros no monte de San Cibrán. Era un sitio de onde saía a pedra para todo os monumentos como a Escola Naval de Marín.

Cando era tempo de seca, as persoas que tiñan leiras roubábanlle auga o río, polo que o muíño quedaba sen auga e non moía. A xente que tiña muíños ía en busca de auga polo río arriba para sacar a auga das veigas (leiras) e así poder moer.

Como xa dixen, evidentemente se non tiña auga non podía moer, polo que non podíamos facer o pan, as papas nin nada… moer era o que había, non había outra cousa. A fariña era a base principal da alimentación, porque botábaselle fariña o caldo para que espesase e dera máis cantidade e así con todo.

Realizado por Ricardo Fabeiro

Compartir