Canicouva e parte da súa historia

431

Segundo o dicionario Galego-Castelán de X. L. Franco Grande, o topónimo Canicouva significa: “Lugar de abrigo. Lugar protexido dos rigores meteorolóxicos, onde quenta o sol”. Pensamos que, de tódalas descricións que se fixeron de este topónimo, este é o que mellor describe este lugar.

 

Segundo o “Diccionario Madoz” (1849), tamén se di que é un lugar con clima temperado. É normal ter a miúdo uns dous ou tres grados máis de temperatura que as parroquias do contorno, ou mesmamente en Pontevedra.

Foto do dicionario Franco Grande.

A Igrexa de estilo románico dise que procede do lugar de Mosteiro onde había un cenobio. Ata fai poucos anos existía nas Paredes (lugar pegado a Mosteiro), unha canalización de pedra, pola que discorría un pequeno manancial de auga, chamada a Fonte Santa. Hoxe toda esa zona de Mosteiro e as Paredes, son propiedades particulares. A Fonte Santa, estaba na propiedade dunha desas familias, os cales lle venderon o dito manancial, á comunidade de augas da parroquia veciña (no ano 1984 aproximadamente). Para aproveitar a auga, arrasaron o pouco que xa quedaba, con bastante enfado de moitos veciños, pois formaba parte do patrimonio e identidade da parroquia. “As paredes”, posiblemente fagan referencia, a que alí quedaban os restos, (paredes) do dito mosteiro.

Canicouva, ten como patrón e protector a Santo Estevo, avogado contra o mal da rabia, enfermidade moi mala noutros tempos. Asemade, a parroquia conta con outra capela no lugar de Cacheiro, dedicada a San Mauro.

A día de hoxe , a Igrexa de Santo Estevo de Canicouva, é anexa á de Santa María de Ponte Sampaio, pero ata o ano 1600 aproximadamente, era ó contrario, segundo documentos do apeo de bens das ditas parroquias.

Pretiño da Igrexa está a cama de Santo Estevo, unha especie de cadaleito antropomorfo escavado na rocha, (do que tamén temos unha anécdota).

No lado noroeste da igrexa, pegado ó muro, había plantadas unhas grandes cerdeiras, unha das cales, daba cereixas negras, todos e todas comían delas, algúns carabuña e todo. Un día estando na igrexa, unha muller sentiu unha forte dor de barriga, (non sabemos se a causa foran as moitas cereixas que comera). Cando se estaba queixando escoitouna o cura da parroquia D. Benedicto e díxolle: Vai alí abaixo e déitate na cama de Santo Estevo, así o fixo estando deitada un bo pouco, a verdade que lle pasou a dor.

Foto da Cama de Santo Estevo na actualidade

Realizado por Manuel Boullosa

Compartir