Persoaxes de Canicouva

327

Don Eduardo Parada Portela

Eduardo Parada Portela, fillo de Francisco Parada e Josefa Portela, nace na Canicouva (daquela concello de Ponte Sampaio, Partido Xudicial de Ponte Caldelas).

Escolleu a carreira do sacerdocio e estudou para cura en Santiago, posiblemente influenciado polos seus parentes, que tamén o eran. Falamos de Juan Parada Juncal e máis Nicolás Parada Juncal, o primeiro en Santa María de Baio e o outro na República de Montevideo.

Foi destinado para a Costa da Morte, onde pasou a maior parte da vida, vintedous anos, máis concretamente en Santa María de Traba, San Simón de Nande e Santa Eulalia de Senra, provincia de A Coruña. Pero non se esqueceu da terra que o viu nacer, á que voltou como cura. Fixo unha casa na Eiravella, nun terreo que lle mercou a Rosa de Dolores, a cal tiña un fillo que se chamaba Cadis.

Casa de Eiravella na actualidade

Na casa da Eiravella non tiña canastro (hórreo) para gardar o millo e máis as patacas. Por aquel tempo xa empezara a traballar de canteiro o fillo da súa veciña Ramona “a Catuxa”. Un día atopou a Angelito, que así se chamaba, e pediulle que lle fixese as pedras para montar un canastro. Claro está que Angelito non lle podía dicir ó cura que lle podía facer o que lle pedía. Ademais, era o seu primeiro traballo fora da canteira.

Ós pouquiños, despois de vir do traballo, foi facendo os pés (as cepas). Xa só faltaban os tornarratos, para os que escolleu nuhas pedras que sobraran de facer a casa, as cales cortou de forma cadrada picandoas ben. Montoulle todo no seu sitio coas medidas que lle dixera o cura.

Entón D. Eduardo encargou un canastro de madeira, máis ben pequeno xa que non tiña moito millo nin patacas que meter nel. Este canastro de madeira cos anos tamén foi podrecendo. A testemuña que queda del é un debuxo que lle fixo o fillo do canteiro cando xa tiña o tellado medio levantado a piques de caer por mor do vento e a choiva.

Neste intre, enriba daquelas pedras, xa luce un novo canastro tamén de madeira.

Debuxo feito por Manuel Boullosa do canastro a piques de desaparecer

En marzo de 1941, D. Eduardo Parada fai testamento ante o Sr. Notario de Pontevedra D. Javier Soaje, onde deixa para os pobres das parroquias anteriormente citadas, e onde estivera tantos anos de Traba, Nande e Senrra, a casa número 19 da “Algalia de Arriba” Santiago de Compostela a cal se venderá en pública subasta, pero sen esquecer que un vinte por cen desa subasta, sexa para arranxar a capela dos Milagres de Traba.

Nese testamento tamén reparte a herdanza que recibiu dos seus pais entre os fillos das súas días irmáns Rosa e María Parada Portela, na que destina para a súa afillada, filla de María, unha parte concreta. Asemade, déixalle ós fillos dos seus irmáns Nicolás Parada Portela e Manuel Portela Fontán, tódolos cartos depositados nos bancos, descontados os gastos do seu enterro. No seu testamento tamén dispón que sexa enterrado na sepultura que está no medio das tres da súa propiedade, situadas no atrio-cemiterio da parroquia, que non volverán a utilizarse.

Cando voltou para a Canicouva, acompañouno a muller que o servirá sempre, Malvina Lopez Ponte, á que lle deixou no testamento a casa onde vivían.  Xa na Canicouva, pediulle aos pais da súa afillada que a deixasen ir para xunto del e máis de Malvina, o que aconteceu cando a moza cumpriu os dazaoito anos.

Eduardo Parada Portela faleceu o 27 de Setembro de 1945, sendo enterrado no cemiterio da parroquia onde el dispuxera, xunto cos seus parentes, tamén curas.

Lápidas de D. Eduardo e parentes curas no cemiterio de Canicouva

Malvina e máis María seguiron vivindo xuntas na casa que lle deixara o cura D. Eduardo ata o fin dos seus días, repousando os seus restos no cemiterio da parroquia.

Realizado por Manuel Boullosa

 

Compartir