A historia da Canicouva á miña maneira.

87

Ata os anos 60, esta parroquia foi un lugar en que a comunicación que tiña era a través de corredoiras e camiños de carro.

O camiño principal para ir a Pontevedra era por Figueirido. Alí o que tiña posibilidades ía no tren, ou no Castromil, na empresa Raúl, na Unión, na empresa Cartón (todas empresas de coches de liña) que viñan por Tomeza, e algunha máis que non recordo e, se non, andando, que era a maneira máis económica de ir.

Aquí vivían da agricultura. Uns labrando veigas pola mañá, ó romper o día, para que ós animais non lle picaran as moscas. Outros traballaban de canteiros, a maioría das casas da parroquia foron feitas polos mesmos veciños do lugar. Outros adicábanse a carretar, traballo moi duro, había que cargar as toradas de madeira no carro dos bois, empuxándoas a man, non había tractores con grúa.

As mulleres tamén tiñan as súas ocupacións: ían a buscar leña ó monte e piñas. A leña era de xestas e troncos de toxos. Daquela non había eucaliptos, e ían a vender os feixes a Paredes e outras a Marín. Outras levaban latas de leite ata Marín, subindo polo cuartel de Figueirido e viñan de volta andando. Vendíanlle a casas particulares e a alguén que tiña algún negocio. Con estes intercambiaban o produto. Eu coméntoo sobre un familiar meu que foi 34 anos tódolos días, chovera, nevara ou fixera sol.

Aquilo si que era escravitude, hoxe estamos feitos de manteca.

Realizado por Jose Javier Fernández Sabajanes

Compartir