Historias de lareira

251

En frías e longas noites de inverno, o pé do lume e ó son do chasquido da leña seca mentres ardía, contábame a miña sogra, María de Boullosa (hoxe xa defunta) que aló polo ano 36 cando era pouco máis ca unha rapaza, o seu irmán Manuel andaba na procura dunha moza do lugar para pretendela, namorala ,casar … ou o que cadrase ;  que xa o pobre lle ”apretaban os calzóns” , e picáballe a «coriosidade» como di aquel outro.

A Manuel, como a todos daquela, agradábanlle as mulleres de cadeiras anchas, cuonas  e peitudas, como dicía a miña sogra “entradas en carnes«; e se ademais tiña boa dote e leiras que lindaran coas da casa moito mellor!

Había unha, á que imos chamar Filomena ….(nome inventado por min por se alguén dos seus lera isto) que destacaba entre todas, pero… como as longas saias e os “honestos” escotes tapaban todo, tiña medo o Manuel que a moza en cuestión lle dera gato por lebre. Pois sabido era que as menos agraciadas adoitaban rechear os atributos poñendo saia sobre saia, media sobre media e enchendo o sostén de la se fixera falla.

Así que Manuel, moi cauto el, decidiu pedir axuda a súa irmán María (a miña sogra) moi lista ela e astuta como unha centella.

-E ti …non poderías axudarme ooh!!!, e a cambio dareiche ou fareiche o que me pidas…

E a miña sogra que sempre dicía que coa barriga baleira pensábase mellor (outros din o o contrario) dixo:

-Podo, oh! Pero vas ter que muxir ti «a Roxa» cando me toque a min, que xa estou farta de que me dea co rabo nos fuciños. E tamén vas ter que ir regar cando toque a besada. E tamén a sacar o esterco…

-Eh! para, para!- dixo Manuel- que con que sigas pedindo non me vai quedar tempo para namorar.

Coincidiu que era o entroido, e daquela os que podían vestíanse de galáns e de madamas.  Consistían as vestimenta, para el: un traxe de chaqueta, chaleco, e pantalón, camisa branca, garabata e sombreiro. Para ela, longa saia branca con lorzas e puntillas, con refaixo amplo para coller forma; chambra tamén branca adornada coma a saia. E logo, tódolos abalorios e xoias que se poideran xuntar, propias ou de prestado.

A miña sogra pareceulle que a ocasión ben merecía sacrificarse e disfrazarse como facíanos de menos posibles, que non era o seu caso. Coa roupa que cadrase, vella e en desuso, e facendo parodia de xente ou situación coñecidas.

E como quen non quere a cousa ,convidou a Filomena a acompañala na súa laboura.

  • Filomena! – díxolle –  mira que este ano vestímonos na miña casa.
  • E logo? -díxolle Filomena- non podemos facelo na miña?
  • Noonn!! – respondeu María – ben sabes que na miña temos máis roupa …toda a que deixaron meus avós, na gloria estean.

A cociña era ampla, e na casa non había ninguén, xa que todos foran a plantar as patacas do cedo …todos….menos Manuel

Filomena pretendía vestir os pantalóns por riba da saia…

– Non «moller»!!! – díxolle a miña sogra- saca a saia ..e o refaixo… que senón non che colle …saca todo!!!

– Mala centella María ….e si entra pola porta teu irmán Manuel??

– Tranquila! Mira… pecho e xa está

E Filomena sacou a roupa toda sen reparar que a porta do forno do pan, don estaba ben cerrada, e dentro quieto, encollido, sen apenas respirar e cos calzóns máis apretados ca nunca , axexando pola rañura que adrede deixara María ….estaba Manuel!!!

E contoume a miña sogra  María de Boullosa  que pasou moito tempo ata que ela voltara  a muxir , regar, ou sacar o esterco.

Aahh!! E teño que dicir que finalmente ….Manuel ..non casou con Filomena.

Realizado por Gloria Bemposta Lusquiños

Compartir