As escolas da parroquia

86

Os máis vellos do lugar, lembran que nesta parroquia houbo 3 escolas.

Comezamos polos anos 20, os pais e nais dos que aínda hoxe viven, ían á escola  no lugar da Eiravella.

A casa era dunha planta co piso de madeira, e as cortes debaixo.  O  horario era de mañá, coma agora, aínda que o absentismo escolar non estaba  tan controlado coma hoxe en día. Daquela, sobraban os motivos para non asistir, como ter que ir co gando para o monte, ir traballar á veiga ou quedar a ter conta dos irmáns e irmás e vellos e vellas da casa. Tamén había o recreo, no que cada un/ha levaba o que tiña , un anaco de broa, bolo cocido, e os días de sorte un chourizo se coincidía pola matanza.

A esta escola viñan rapaces de toda a parroquia: Cacheiro, O Sixto e a Canicouva. Polo inverno, a calefacción consistía nas pezas de roupa que se levasen, e o arrimados que estivesen uns dos outros nos bancos corridos.

A primeira mestra da que se ten recordo chamábase dona Mercedes, era de Vigo, e viña tódolos días no tren.

Dona Mercedes era unha muller alta, morena, de gafas, xa non era moi nova, con xenio… había que facer o que mandaba” cóntame unha veciña.

Relata unha veciña que Dona Mercedes, mandou a Figueirido a un dos alumnos a preguntar polo horario do tren, e cando veu de volta contestoulle que “ía a preguntarlle, pero o tren meteuse por un burato” e non lle dou tempo a preguntarlle. Supoñemos que entrou no túnel.

Ser mestra naqueles tempos, tiña que ser algo vocacional. Mercedes ensináballes as letras, os números, a ler, a escribir, sumas e restas… a cambio recibía o cariño dos nenos e da xente. Ademais das retribucións  económicas, que por aqueles tempos non  poderían ser gran cousa. Xa  di o refrán, “pasas máis fame ca……..”

Conta unha veciña que foi á clase de Dona Mercedes, polos anos 40, que esta  mestra  tíñalle medo ós ratos, e cada vez que aparecía un na aula, acababa subida enriba do banco. O  rato tiña habitualmente un final tráxico. Rapidamente aparecían voluntarios que se encargaban de eliminalo.

Dona Mercedes estivo dando clase na escola da Eiravella, aproximadamente  ata os anos 1946.

A finais dos 40, houbo cambio de mestra e de ubicación da  escola que pasou ó  lugar da Carballeira, na casa que aínda hoxe a coñecemos  coma  “A Casa de Dolfina”, nome da antiga propietaria. Esta casa xa dispuña de máis comodidades, foi habilidada polo home da Señora Dolfina, de profesión canteiro, co motivo de  vir a vivir  a nova mestra e a súa familia. A casa dispuña de  cociña, cuarto de baño, cuarto para durmir. Ademais do cuarto para impartir ensino.

«A casa de Dolfina» na actualidade

A nova mestra chamábase Dona Eduarda, de Ferrol, estaba casada  con  José, tamén mestre, e tiñan catro fillos. Integráronse ben na parroquia, tiñan boa relación cos veciños, ata criaban porcos. Comentan que para a manutención deste animal ían coller landras el e os alumnos fóra das horas de ensino á carballeira de Mosteiro e arredores. E a mestra ía a lavar a roupa ó río do Muíño Vello.

Conta a xente que el  impartía escola pola noite ós nenos das familias que tiñan un pouco máis de recursos, e a outros que con máis sacrificio querían aprender,  todo á  luz do carburo.

Polo ano 1956 Dona Eduarda voltou para Ferrol, e  no seu lugar, veu Dona Carmiña, tamén de Vigo, pero estivo pouco tempo, aproximadamente  ano e medio.

Posteriormente, polo 1957, veu Dona Julia, natural de Pontevedra, viña e ía tódolos días andando desde Figueirido á parroquia, pola costa do Couso, a vía principal de comunicación coa capital, onde ían esperala as súas alumnas. Estivo dando escola ata o ano 1965 aproximadamente.

A última escola da parroquia, foi no lugar de “As Pombas”. Esta casa foi construída no ano 1954 polo organismo público competente.  Tiña unha planta, con tres estancias principais. A máis grande onde se impartía ensino, dous cuartos mais pequenos destinados a almacén e un último destinado a vivenda para a mestra.

3er colexio na actualidade

Nesta escola  impartiron clase:

  • Dona Juanita, que estivo moi pouco tempo.
  • Dona Susa, que vivíu nesta casa ata que marchou dar clase para Ponte Sampaio,
  • Dona Loli.

Impartían cursos dende preescolar ata segundo de EXB. As clases eran de mañá e de tarde. Compartíase todo, mestra e espazo, fose do curso que fose. Había actividades comúns e a cada curso dáballes a materia específica.

Unha vez rematada a primaria, os nenos continuaban estudando nos colexios de Ponte Sampaio ou en Pontevedra.

Finalmente viñeron,  Dona Josefa, que era de Salcedo,  e finalmente, Dona Maricarmen. A última mestra que tivo esta escola, e esta parroquia. A escola pechouse no ano 1990 con dous alumnos.

Realizado por José Javier Fernández

Compartir