Unha pequena parte da miña historia na Canicouva

172

Nacín e vivo en Canicouva. Chámanme Milagros do Pexegueiro, é polo lugar onde vivín a maior parte da miña vida. Estas son vivencias que recordo dende a miña curta idade.

Meu pai era Angelito, canteiro de profesión. Despois agricultor, gandeiro, etc. para axudarnos a subsistir xa que as carencias eran moi grandes.

A miña nai, Carmen do Pexegueiro. Bendita muller, desvivíase por toda a familia. Axudaba ó meu pai en tódolos quefaceres familiares e colaborando na nosa educación.

A nosa familia estaba composta polos meus pais, avoíña Rosa, tía María (que me adoraba, e eu a ela, ese cariño está presente na miña mente e xamais a esquecerei) e os 3 irmáns. Somos Manolo, Concepción e eu, Milagros. O meu avó materno vivía no estranxeiro.

Cando nacín, meus pais estaban construíndo a casa no Pexegueiro, así que eu nacín na casa da familia Parada Carballo, “A cara de Eiravella”.

Cando nacín, á miña nai aínda non lle baixara o leite, así que veu a miña queridísima Ermitas, que me puxo no seu regazo e me puxo a mamar no seu peito. O meu primeiro alimento, que compartín con Celia, a súa filla, que xa non está con nós. Quérote primiña.

Cando eu tiña aproximadamente dous anos xa vivíamos na casa nova (a min todo isto contáronmo, eu con esa idade non me acordo de nada).  Era a mediados do mes de xaneiro e chovía moitísimo, a miña avoíña estaba facendo a comida nunha “lareira” e tíñame a min con ela, de repente soou un estrondo enorme e parte da parede da casa veuse abaixo. Quedamos as dúas baixo os escombros de pedras e terra.

Parte do muro caído na actualidade

Eu tiven moita sorte, pois quedei debaixo da pedra da “lareira”, a onde ela se supón que me empurrou para protexerme de tan grande perigo que nese momento aínda descoñecía. Só oía o ruído que este estaba producindo. Eu saín ilesa, pero ela estivo ingresada no sanatorio como consecuencia dos golpes que recibiu. “Bueno”, teño que dicir que o meu irmán Manolo “salvouse polos pelos”, como soe dicirse vulgarmente, xa que facía uns segundos que pasara por esa parte da casa.

Parte do muro caído na actualidade

O motivo deste derrubamento foi, que na finca colindante coa nosa, polo norte, propiedade dos herdeiros/as do cura párroco, veciño de Canicouva (D. Nicolás Parada Juncal párroco de Briallos), tiña un enorme murallón de pedra, no cal se fixo unha grandísima bolsa de auga que provocou o desprendemento do terreo, e posterior derrube da casa.

Esta é unha pequena parte da miña historia. Pero non podo rematar este relato sen mencionar a persoas moi significativas na miña vida.

A parte das xa nomeadas neste relato, quero reflexar o meu recordo a algunhas persoas que xa non están con nós, outros sí.

Ós meus sogros, José de Estrella e Evangelina, moi boas persoas. O meu sogro viña de traballar e chegaba sobre as dez da noite, sen cear dirixíase casa por casa onde estaban as e os enfermos que lle reclamaban para poñer inxeccións, curar feridas. etc.

Tía Basilisa, tío Avelino, os meu curmán Vicente e miña curmá Luisa, que me coidaron con moitísimo cariño na miña nenez. (O cariño e agradecemento perdura no meu corazón).

A miña avoa paterna Ramona e tía Isolina, a miña queridísima profesora María Victoria Cornes García; María Teresa de la Sota Martínez, a mellor persoa que coñecín na miña vida, a nosa catequista, etc.

Realizado por Milagros Boullosa

Compartir