A festa de San Cibrán de Tomeza, pasado e presente

291

Tomeza é a miña parroquia e, como é ben sabido, é unha das máis pequenas do concello, e está a só a 4 km. de Pontevedra.

O luns de Pascua, mellor dito, o día de San Cibrán, na nosa parroquia era tradición neste día subir ó monte deste mesmo nome. A romaría, que segundo se mire, uns/unhas ían por devoción á misa na honra do Santo e, outros/as ían máis por pasar o día de acampada e coa cesta da merenda.

A historia do San Cibrán, segundo puiden indagar, conta que apareceu na Fonte da Fraila, en Lusquiños. Chamábase así porque era unha pequena mina que abastecía de auga ás “frailas”. A uns 5 metros máis abaixo vivían, elas, unhas monxas, que segundo conta a historia, pertencían ó Convento de Santa Clara ou San Francisco.

Fonte da Fraila na actualidade
Fonte da Fraila na actualidade

Dise que quixeron trasladar o santo á Igrexa de Tomeza pero non tiveron xeito de facelo porque nin os bois máis fortes da parroquia puideron. Un día despois, cun carro de vacas ben cativas subírono monte arriba ata onde se atopa neste momento. Aí foi onde se construíu a capela.

A crenza di que San Cibrán quita o mal de ollo ou o meigallo.  O rito consiste en dar 9 voltas á capela e, en cada xiro, tirar unha pedra ó teito desta. As pedras tíranse porque, orixinariamente, se collían antes de comezar o rito para dar as 9 voltas exactas.

Tiña tanto seguimento este ritual que a xente facía cola. Incluso ía 7 días seguidos segundo a gravidade do problema, e tamén se levaba a quen estivese mal: vacas, meniñ@s e maiores.

Digo que ían, porque hoxe en día da pena ver como todo iso se vai perdendo. Na parroquia xa queda pouca xuventude. As costumes de quen viña andando dende Pontevedra e das parroquias veciñas como Marcón, Mourente ou Salcedo, tamén se foron perdendo. 

Tamén pode ter algo que ver o feito de que os dous curas máis antigos da parroquia xa non viven, e os que están agora non teñen ningún interese, é máis, parece que fan todo o posible para que non se siga con esas costumes pois poñen trabas por todo, e só hai que facer as cousas como din eles, e non teñen nin idea. Entón a pouca xente que queremos que non se perda a tradición non podemos facer moita cousa, xa vamos todas e todos para maiores, e a pouca xuventude que hai non están motivados/as e abúrrense.  Ademais, xa non teñen as mesmas “crenzas”  e prefiren xogar coas consolas e outras cousas.

Ademais, tamén inflúe que non se pode acender lume, nin queremos estar tirados no chan como fai anos atrás, todas e todos nos volvemos moi cómodos.

“Bueno”, isto é só a miña pobre opinión, pois eu non teño moita experiencia, porque tiña que traballar. Aínda que fai anos atrás os comercios e algunhas empresas pechaban o día de San Cibrán pola tarde, iso facía que a xente subira o monte a pasar a tarde.

Realizado por Mari Carmen de Tomeza

Compartir