O proxecto

Memoria en rede nace coa idea de conectar dous mundos que, en principio, nada teñen que ver. Por unha banda, o futuro e o presente no que estamos, coas novas tecnoloxías como eixo central e fío condutor. Na necesidade de facer partícipes a aquelas persoas que non son nativos dixitais, que teñen estas tecnoloxías como algo, en principio, alleo e, en moitas ocasións, até algo que lles xera rexeitamento e aversión. E por outra banda, conxúgase coa necesidade de conectar coa recuperación da “memoria”. Memoria en sentido amplo: historias, lendas, vivencias, vidas…

Nace, polo tanto, como un proxecto disposto a albergar todo o que as persoas participantes del nos queiran contar á par que aprenden a empregar un ordenador, escáner, internet, correo electrónico, gravación de sons…
Tratamos de xuntar un patrimonio que nos pertence a todos e a todas e que ten gran importancia para entender o que hoxe en día somos como pontevedreses e pontevedresas. Historias do día a día que non por iso menos importantes para as persoas protagonistas.

O uso das novas tecnoloxías axuda a recollida e dixitalización da información, que queda así recollida para evitar que se perda ou esqueza, pero tamén axuda a súa difusión, deixando unha fiestra aberta para ollar cara o noso pasado en calquera momento e lugar do mundo.